Wednesday 08 de May de 2024

Muxía amplía os traballos de desinfección e limpeza dos colectores de todo o municipio


 

Ata o de agora desinfectaranse as unidades localizadas nos espazos máis sensibles: preto das farmacias, tendas de alimentación ou do centro de saúde.

O Concello de Muxía ampliará os traballos de desinfección e
limpeza dos colectores de todo o municipio. Ata o de agora leváronse a cabo os
traballos nas unidades localizadas nos espazos máis sensibles; a destacar preto das
farmacias, tendas de alimentación ou da contorna do centro de saúde.
A partir deste luns, estes traballos trasladaranse á totalidade dos colectores do termo
municipal de Muxía. Producirase, polo tanto, un aumento na cobertura deste servizo,
coa conseguinte garantía da hixiene en todos os colectores do municipio muxián.
Haberá un equipo integrado por seis persoas para realizar exclusivamente a
desinfección e limpeza dos colectores, conformado por traballadores municipais.
O alcalde, Iago Toba, que xa anunciara un aumento das medidas no caso de decretarse
o aumento do estado de alarma, subliña que “incrementamos estas tarefas para
garantir as medidas hixiénicas en todo o noso municipio”, destaca. O rexedor muxián
aproveita para anunciar tamén que “o servizo de atención psicolóxica tamén se verá
reforzado, e no Concello vai haber dúas persoas encargadas única e exclusivamente dos
servizos sociais”.